MUGARDOS E KERESÚ


O primeiro traballo editado de Mugardos e Keresú, gravado nos meses de setembro a decembro de 2008 en Cisma (Compostela).

Xavier Mugardos, guitarra e arranxos da primeira guitarra
Keresú, voz, guitarra e arranxos da guitarra rítmica xunto con Flavio Valdez
foto da portada: Pixi

O PORQUÉ

Galego e Guaraní: dous pobos, dúas nacións, dúas vellas linguas minoritarias.
Separadas polo mar pero unidas polos poetas e músicos que se encontran na necesidade de fortalecer as identidades lingüístico-culturais propias, bregando
polo dereito dos pobos a preservar e desenvolver os seus idiomas.
Para os guaranís, a palabra, o ne´e, é a “alma do pobo”; porén unir as linguas ven significando “unir a alma dos pobos”, integrar diferencias e similitudes e propiciar
o encontro poético entre os devanceiros.
Malia a xeografía supor distancia, non así a historia que iguala ambos pobos na loita pola preservación da identidade cultural, corazón intrínseco da liberdade dos pobos.

UNIDOS POLO MAR E A MEMORIA

Actividades
- concerto
- concerto didáctico
- gravación e edición de discos
- gravación e edición de contos

Destinatari@s
Escolas, universidades, bibliotecas, salas culturais, auditorios e teatros.

O GUARANÍ

En Misiones, Arxentina, viven aproximada-mente uns 8.000 guaranís, herdeiros dos que fuxiran das reducións xesuíticas. Refuxiados na selva, durante séculos, resistiron coa sabedoría dunha nación que ama e coñece a natureza.
Médicos, músicos, poetas, agricultores, pescadores e navegantes, os guaranís conservan unha cultura de máis de 12.000 anos, cunha vella escrita que pode ter semellanzas coa exipcia ou hebraica.
Os relatos, os cantos rituais e a sabedoría dos ñanderú (chamáns) foron e seguen a ser as canles que manteñen viva a memoria guaraní.
Di Ka arú, cacique guaraní de Marangatú, Misiones: “Para seguir sendo, precisamos do monte porque sen el non hai cultura, porque todo o que para nós existe está no monte, onde viven os nosos deuses que nos dan a palabra”.
A palabra é a raigame da que se nutre o pobo; o desterro comeza coa des-palabra. Por iso, ben é sabido que para a defensa do territorio precísase dunha linguaxe parida pola propia terra. Paga a pena lembrar o que aportan os Maias a este respecto:
“Quen teña a túa palabra, posúe a túa mente”.
Entre 1868 e 1874 o pedagogo, escritor, militar e daquela presidente arxentino Domingo Faustino Sarmiento, foi quen prohibiu o uso da lingua guaraní, dando lugar á perda de moitos falantes. Malia Faustino Sarmiento, hoxe en Arxentina, Brasil, Paraguai e Bolivia aínda se mantén viva a lingua e cultura guaraní. E en Paraguai é lingua oficial.

O GALEGO

A evolución natural da lingua galega truncouse na idade media por cuestións políticas, dado que a nobreza e os dirixentes eclesiásticos foron sustituidos por outros de orixe castelá, e a canda eles a súa lingua desprazou ao galego en toda a documentación oficial, prestixando socialmente o uso do castelán en detrimento da lingua propia. Esta situación mantívose durante séculos ata os nosos días.
Os primeiros textos escritos en Galicia en lingua romance son composicións poéticas. A lírica galaico-portuguesa acada o seu esplendor entre os séculos XIII e XV. Todos os poetas peninsulares, fosen casteláns, andaluces ou de Estremadura, compuñan os seus versos en lingua galega e portuguesa. A lingua castelá en Galicia cinguiuse historicamente ás clases altas, mentres o galego se mantivo sempre como a lingua do pobo.
Durante os 40 anos de ditadura franquista, a lingua galega foi prohibida nas escolas e nos actos públicos. Os intelectuais e artistas que o promovían foron perseguidos e obrigados ao exilio. A edición das obras escritas correu por conta dos emigrantes que as imprentaban en Buenos Aires, Montevideo ou A Habana. Coa chegada da democracia, a fin do século XX supón un progresivo proceso de recuperación se dereitos, autoestima e prodigalidade creativa.
Conscientes destes antecedentes, non podemos menos que nos sensibilizar ante unha historia de aculturación que se repite para moitos pobos do mundo, en especial para os pobos indíxenas americanos, do que España é en alto grao responsable da situación.
Ante a necesidade de construir un novo escenario, baseado na admiración e respecto polas enriquecemento das diferencias, nace este proxecto que reflicte o resultado poético-musical do encontro e sentimentos comúns, froito destas premisas, elaborado conxuntamen-te entre un autor e compositor de cada pobo.

ÚLTIMAS ACTUACIÓNS REALIZADAS

* Concerto en Santiago (Borriquita de Belén). Decembro 08
* Concertos en Santiago de Compostela (Festival dos Abrazos). Agosto 08
* Concerto en Amarante (distrito de Porto). Xullo 08
* Concerto no Concello do Porriño. Xullo 08
* Concerto na Mostra das Culturas de Boiro. Xullo 08
* Concerto nos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro. Xuño 08
* Contacontos no Mupega (Museo Pedagóxico de Galicia). Maio 08
* Concerto no Pub O Moucho. Maio 08