O GUARANÍ

En Misiones, Arxentina, viven aproximada-mente uns 8.000 guaranís, herdeiros dos que fuxiran das reducións xesuíticas. Refuxiados na selva, durante séculos, resistiron coa sabedoría dunha nación que ama e coñece a natureza.
Médicos, músicos, poetas, agricultores, pescadores e navegantes, os guaranís conservan unha cultura de máis de 12.000 anos, cunha vella escrita que pode ter semellanzas coa exipcia ou hebraica.
Os relatos, os cantos rituais e a sabedoría dos ñanderú (chamáns) foron e seguen a ser as canles que manteñen viva a memoria guaraní.
Di Ka arú, cacique guaraní de Marangatú, Misiones: “Para seguir sendo, precisamos do monte porque sen el non hai cultura, porque todo o que para nós existe está no monte, onde viven os nosos deuses que nos dan a palabra”.
A palabra é a raigame da que se nutre o pobo; o desterro comeza coa des-palabra. Por iso, ben é sabido que para a defensa do territorio precísase dunha linguaxe parida pola propia terra. Paga a pena lembrar o que aportan os Maias a este respecto:
“Quen teña a túa palabra, posúe a túa mente”.
Entre 1868 e 1874 o pedagogo, escritor, militar e daquela presidente arxentino Domingo Faustino Sarmiento, foi quen prohibiu o uso da lingua guaraní, dando lugar á perda de moitos falantes. Malia Faustino Sarmiento, hoxe en Arxentina, Brasil, Paraguai e Bolivia aínda se mantén viva a lingua e cultura guaraní. E en Paraguai é lingua oficial.

No hay comentarios: